sábado, 30 de maio de 2015



O pasado mes de maio aplicámoslle ao alumnado de 4º unha proba (BADyG) que intenta medir as aptitudes, tanto xerais como diferenciais, dos nenos e nenas e durante o segundo trimestre aplicamos ao alumnado de 2º o KBIT (test breve de intelixencia de Kaufman) que intenta medir a intelixencia verbal e a non verbal

O vindeiro martes 9 de xuño, no salón de actos do colexio, explicaremos en que consistiu as probas  para poder así entender os resultados que obtiveron os nosos fillos.

O horario da reunión será:
  • Segundo................17 horas
  • Cuarto...................17,30 horas
Os resultados só se darán aos pais ou nais que acudan á reunión-explicativa.

QUE PODEMOS FACER AO COÑECER OS RESULTADOS?
  • Quedarvos coa idea global do resultado, máis que afondar nunha proba en particular que pode estar sesgada.
  • Podedes consultar ao orientador as dúbidas que vos xurdan.
  • Se os resultados son altos e as notas non brillan especialmente, podedes animarlles e podedes ter a seguridade de que como a capacidade non é un problema para el, haberá que reforzar as outras áreas que seguramente serán deficitarias, como quizá a vontade, a motivación, a constancia, a conducta.
  • Se os resultados son baixos, é posible que ao mesmo tempo as súas cualificacións sexan baixas. Neste caso, a proba confírmanos que hai unha dificultade obxectiva que explica unha parte das súas dificultades e, debemos axudarlle a estudiar, a comprender e a facer as tarefas, porque o mozo necesitará compensar con máis traballo o que ten de deficitario a intelixencia.
  • Se os resultados son baixos e as notas medias, é que ou ben o test non ten validez, ou ben está compensando con dedicación parte das súas deficiencias.
QUE NON É CONVENIENTE FACER
  • Non é conveniente nin deprecialos nin obsesionarse con eles.
  • Tampouco convén facer comparacións entre irmáns ou parentes.
  • Non é necesario contarlles ao detalle os resultados, pois para eles o concepto de intelixencia non ten o mesmo significado que para nós.
  • Se son negativos, é mellor non mencionalos.
  • En definitiva trátase de usalos con prudencia e a vosa tarefa como pais é empregalos para axustar a esixencia ás súas verdadeiras posibilidades e axudar alí onde se detectan carencias.
¿ATA QUE PUNTO O TEST É VERAZ?
  • A intelixencia é unha facultade superior do ser humano, e dada a súa complexidade, resulta difícil de avaliar e de medir. Por isto mesmo é necesario tomar os datos que se ofrecen neste informe con cautela. Ademais, hai varios aspectos que poden distorsionar os resultados como son o cansazo, a falta de atención, o ambiente da clase, a motivación, o estado de ánimo, as preocupacións, as explicacións máis ou menos acertadas da persoa que pasa a proba, etc.
  • Neste sentido, hai nenos que deron nalgunha proba un valor baixo, cando en realidade sabemos que a súa capacidade e preparación é maior. Non ten maior importancia, pode significar que naquel preciso momento houbo algún dos factores mencionados que lle interferiu.
  • Tamén, en ocasións, a razón é o concepto de intelixencia funcional, é dicir, o neno é máis capaz, pero funcionalmente, traballa cun ritmo inferior ás súas posibilidades. Os seus recursos emprégaos a ese ritmo.
  • Como a intelixencia pode evolucionar, non se poden facer prediccións rigurosas de futuro con estes datos. Son a expresión mínima da súa capacidade, non o seu límite superior.
  • Ademais, insistimos niso, o éxito ou o fracaso escolar depende tamén doutros factores cruciais como son a motivación e os hábitos de estudio e dos cales aquí non hai referencias.
  • En definitiva, a finalidade da proba é dar pistas para orientar ao alumno no terreo académico, actuando sobre os seus déficits e potenciando as súas habilidades.
Para ver máis información das probas:

domingo, 10 de maio de 2015

MARUXA

Traballando pola igualdade: os nenos e nenas do CEIP Coirón Dena intepretan "Maruxa", unha canción inspirada nun conto de Eva Mejuto. Dun xeito alegre, o alumnado do noso colexio cóntannos a impotancia de compartir as tarefas do fogar.


Con este vídeo participan no Concurso Olloboi, as votacións comezaron esta noite, para votarnos entrade no seguinte enderezo e recordade que o videoclip chámase MARUXA:  docs.google.com/forms/d/1VLbaAGjMo-H0i61BVitqcoZnx6t6Uxt6qd9Tb9Ua6aQ/viewform?fbzx=5139188799725874659

Maruxa e Pepiño vivían na aldea. Maruxa cosía, varría e labraba. Benito cantaba, folgaba e durmía. Mais un día... Maruxa decide dar unha lección ao seu marido. Astuta, e cunh
a gran habilidade no manexo da retranca, logrará que Pepiño tome consciencia de que o traballo de casa está mal repartido e consegue que cambie d e actitude. Este álbum está baseado na canción popular polaca Maryna gotuj pierogi, unha das máis coñecidas do repertorio folclórico do país.

Fixéronse diversas versións, desde orquestas sinfónicas, a solistas, grupos de jazz, rock... Este texto, en versos de seis sílabas, busca manter o ritmo da canción orixinal. Do mesmo modo que a canción tradicional, a autora presenta a historia en forma de dialogo, xa que o relato se basea, principalmente, na rifa que inician Maruxa e o seu home, Pepiño, cando este lle pide que faga o pan.

domingo, 3 de maio de 2015

Avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria

No Doga do 30 de abril do 2015 publícase a RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2014/15.

Deixo un pequeno resumo desta Resolución:

  • Esta avaliación realizarase en todos os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia que na data de realización da proba impartan ensinanzas correspondentes a terceiro curso de educación primaria.
  • A avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.
  • Esta avaliación ten carácter informativo e orientador. Completa a información que reciben os alumnos, as familias e os centros e orienta as decisións na elaboración de plans de mellora. En consecuencia debe servir para:
    • 1. Achegar información individualizada de cada alumno ou alumna avaliado sobre o seu progreso no grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática, e contribuír á detección de dificultades na aprendizaxe.
    • 2. Achegar información e orientar os centros educativos para que, en función dos resultados obtidos polo seus alumnos e alumnas, cada centro adopte as medidas necesarias que redunden na mellora do proceso educativo.
    • 3. Achegar información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso de aprendizaxe do alumnado que contribúa a orientar a toma de decisións e o establecemento de medidas encamiñadas á mellora educativa.
  • A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 27 e 28 de maio.
  • O titor ou titora deberá informar os pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas dos resultados da avaliación individualizada de terceiro curso en relación co grao de adquisición das competencias avaliadas e das medidas adoptadas.
  • Os centros educativos, a través dos seus órganos colexiados, realizarán unha análise dos resultados obtidos polo seu alumnado na avaliación individualizada de terceiro curso de primaria e unha reflexión interna para establecer as accións de mellora pertinentes, que serán incorporadas á súa programación xeral anual.
  • De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas. Estas medidas fixaranse en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan solucionar as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.
OPINIÓN PERSOAL
O obxectivo último da avaliación é a mellora do que se avalía, polo que debe ir acompañada dun compromiso coa devandita mellora, se non queremos que se quede nunha mera análise ou en elaboracións de rankings.
Na Educación Primaria a avaliación  ha de ser formativa, diagnóstica, orientadora e continua ao longo do proceso de aprendizaxe, co fin de detectar os progresos e as dificultades, analizar as causas e reconducir os desaxustes.
Esta proba creo que vai ser un mero exame de contidos curriculares e non unha avaliación de competencias é dicir vai ser unha cualificación ou expresión do grao de suficiencia ou insuficiencia dos coñecementos adquiridos polo alumno.
Ademáis a LOMCE concede moita importancia a esta proba e detrimento da avaliación continua e do esforzo que diariamente fai cada alumno e ase  cabe destacar o artigo 20.3 da LOMCE, onde se establece que de resultar desfavorable a avaliación individualizada ao finalizar 3º de Primaria, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas e no seu artigo 20.2 establécese que á hora de repetición ou promoción atenderase especialmente aos resultados da avaliación individualizada ao finalizar o 3º curso.... "
Con todo o dito a adopción de medidas ordinarias ou extraordinarias, a repetición ou non, quedan supeditadas ao resultado dunha proba externa na que non se teñen en conta unha serie de variables que inflúen de forma importante nos resultados.
Esta proba externa, en todo caso, debería ser considerada como información adicional á avaliación realizada polo profesorado do centro -continua e global e que ten en conta o progreso do alumnado no conxunto das áreas do currículo-