domingo, 11 de xaneiro de 2015

Alumnado con trastornos da aprendizaxe

Os trastornos da aprendizaxe defínense en base a un rendemento escolar por debaixo do esperado nas capacidades para a lectura, o cálculo e/ou a expresión escrita tendo en conta:
*a idade cronolóxica do alumno/a
*a súa escolarización
*o seu nivel intelectual

O TRASTORNO DA LECTURA
Inclúe as dificultades de acceso ás competencias lectoras que se dan nestes tres aspectos:
  1. Na exactitude lectora, tanto dificultyades relativas ao código lingüístico (confusións, omisións, adicións, inversións, alteracións no proceso lector) como as que fan referencia á mecánica lectora (soletreo, detencións, atascos, saltos de liñas)
  2. Na velocidade lectora
  3. Na comprensión lectora,
O TRASTORNO DO CÁLCULO
É a dificultade de acceso ás competencias matemáticas en relación a:
  1. Os procesos básicos, relativos á comprensión da conservación, reversibilidade, realización de clasificacións, seriacións e outras operacións lóxicas matemáticas
  2. O sistema numérico, en canto ás dificultades nos principios de estabilidade dos números, á cardinalidade, á abstracción, á irrelevancia da orde e ás dificultades no sistema de numeración
  3. A realización de cálculos numéricos, tales como comprensión das operacións, a mecánicadas operacións e as vinculadas aos erros conceptuais
  4. A lectura simbólica numérica
  5. A resolución de problemas matemáticos
O TRASTORNO DA ESCRITURA
Fai referencia ás dificultades no acceso ás competencias gráficas nos seguintes aspectos:
  1. Proceso grafomotriz ou disgrafía, en referencia aos sinistroxiros, déficits na presión, dificultades na direccionalidade, regularidade e lexibilidade dos grafismos e ao emprego do espazo gráfico
  2. Ortofrafía ou disortografía, realizar substitucións, omisións, engadir e/ou invertir os grafemas, facer unións, separacións inadecuadas de sílabas, palabras ou frases, e erros na ortografía regrada.
  3. Procesos de expresión e composición, dificultades relativas ao formato da escritura, expresividade e dominio das técnicas de expresión: descrición, narración, exposición, ...
Orientación e respostas educaticas. ALUMNADO CON TRASTORNOS DA APRENDIZAXE. Xunta de Galicia

venres, 26 de decembro de 2014

A outra carta aos Reis Magos

Este vídeo se converteu nun viral na rede con varios millóns de visitas e que ten por título "a outra carta"
Trátase dun vídeo realizado pola empresa de mobles Ikea e che recomendo que vexas e reflexiones acerca da súa mensaxe. 
É un vídeo que aborda varios aspectos, pero gustaríame destacar un que me parece esencial: o valor do tempo na educación dos nenos.





sábado, 20 de decembro de 2014

10 consellos para estudiantes

1.-Descubre o teu estilo de Aprendizaxe. 
Afortunadamente, non todos aprendemos igual. Algúns aprendemos mellor de forma visual, outros de forma auditiva e outros facendo e experimentando. É doado saber cal é o teu estilo fixándote un pouco no que fas na túa vida diaria ou falando con alguén que saiba do tema.
2.-Descubre que te funciona mellor segundo o teu estilo
Por exemplo, se es do tipo cinestésico (necesita facer e experimentar), serache máis útil estudar dándoche paseos polo cuarto que estando quieto. Se es auditivo, serate útil recitar os temas, estudar con outro compañeiro, etc,…
3.-Método. 
Aínda que pareza obvio, ter un método para calquera cousa, permítenos gañar en eficacia, en tempo, e en reducir enormemente a enerxía física e mental que gastamos. Ter un bo método de análise da información (lectura, subliñado, esquemas, mapas mentais), vai mellorar a nosa comprensión lectora e favorecer que os contidos se instalen na memoria. O mellor é que cho ensine un experto na materia.
4.-Aprende un método sinxelo de subliñado. 
Como adoita acontecer, aquí hai variedade de opinións: con varias cores, con dous, cun, con rotuladores, fosforitos, bolígrafos, lápices,.....o ideal é que cada un encontre o estilo que máis lle convén. Pero non debemos esquecer que o subliñado só debe ser unha guía visual das palabras clave do texto. Como tal, a técnica debería ser o máis sinxela e visual posible. A nosa recomendación: bolígrafo verde e crear técnicas distintas para distintos tipos de ideas (principais, secundarias, etc,….). Exemplo: palabras clave principais nun cadro e secundarias subliñadas cunha raia.
5.-Xestión do tempo. 
Trucos: espreme o tempo ao máximo. Fai as cousas co mínimo tempo posible para concentrar esforzos. A axenda convértese en elemento fundamental no que detallamos todos os nosos futuros pasos, especificando que temas imos estudar, cando repasar, etc,….Ritmo ideal: estudo media hora e descanso 5 minutos.
6.-Lectura. 
Cunhas sinxelas técnicas de lectura rápida conséguense varias cousas: ler máis rápido, comprender mellor, e en consecuencia, ir colléndolle gusto á lectura. Isto pode marcar toda a diferenza.
7.-Memoria
Non é cuestión de ter mellor ou peor memoria. Trátase de coñecer unhas técnicas que, se se aprenden e usan correctamente, podo funcionar como un superordenador sen darme conta.
8.-Atención e concentración. 
Aquí tamén podemos aprender sinxelos exercicios para melloralas, así como para relaxarnos e afrontar o stress ante os estudos e os exames. Os orientais teñen unha sinxela técnica que consiste en mirar fixamente unha vela durante uns minutos.
9.-Traballa as túas crenzas. 
Ás veces nós mesmos somos o noso peor inimigo. Detectar e traballar os pensamentos negativos que ás veces temos ("non valgo", "teño que ser o mellor", non merezo o éxito", etc,……) pode marcar un antes e un despois na nosa vida, librándonos dunha forte carga de ansiedade.
10.-Se o teu propio xuíz. 
Superar esas crenzas limitantes, debería levarte en definitiva a ser ti o o xuíz e o promotor da túa propia vida e das túas decisións. Deixa de compararte con outros e de ser vítima das expectativas que os demais poñen sobre ti, sexan boas ou malas.

Visto en: https://escueladeaprendizajedinamico.wordpress.com/

sábado, 6 de decembro de 2014

Habilidades sociais

As habilidades sociais son as condutas necesarias para interactuar e relacionarse cos demais de forma efectiva e mutuamente satisfactoria.
Polo tanto é importante destacar que:

- Trátase de condutas, isto quere dicir que son aspectos observables, medibles e modificables; non é un trazo innato dun suxeito, determinado polo seu código xenético

- Entra en xogo o outro. Non se refiren a habilidades de autonomía persoal como lavar os dentes ou manexar o caixeiro automático, senón a aquelas situacións nas que participan polo menos dúas persoas

- Esta relación co outro é efectiva e mutuamente satisfactoria. A persoa con habilidades sociais defende o que quere e expresa o seu acordo ou desacordo sen xerar malestar na outra persoa.

Pero non só é importante ter habilidades sociais, senón poñelas en práctica na situación axeitada. Esta adecuación das condutas ao contexto é o que se denomina Competencia social.

Cando a persoa carece de habilidades sociais pode que afronte as situacións de dúas maneiras diferentes:

  • Evitando as situacións ou accedendo ás demandas dos demais coa finalidade de non se expoñer a enfrontamentos -conduta pasiva-.
  • Elixindo por outros e infrinxindo os dereitos dos demais para obter as súas metas -conduta agresiva-.

As habilidades sociais ou o que tecnicamente se coñece como conduta asertiva consiste

  • en pedir o que queres e negarte ao que non queres dun modo axeitado. 
  • conseguir as túas metas sen danar a outros. 
  • expresar sentimentos e pensamentos, 
  • realizar eleccións persoais 
  • sentirse ben cun mesmo.

domingo, 23 de novembro de 2014

TEL. Trastorno específico da linguaxe

Onte estiven unhas xornadas en Santiago sobre a "inclusión" e un dos talleres tratou sobre o TEL: trastorno específico da linguaxe; trastorno pouco coñecido.
O TEL é un trastorno que afecta principalmente á adquisición e desenvolvemento da linguaxe
oral, e que se pode caracterizar polos dez seguintes atributos:

  1. É específico xa que non existe un déficit intelectual, non hai un trastorno emocional, non hai lesión neurolóxica, non hai déficit sensotial ou motor e non hai problemas familiares que poidan explicar as dificultades da linguaxe do neno ou nena
  2. É grave, non é un simple atraso na adquisición da linguaxe; o desenvolvemento da linguaxe non segue un patrón distinto do habitual
  3. É persistente, é un trastorno duradeiro que afecta á adquisición da linguaxe, prolongase durante a infancia e adolescencia 
  4. É heteroxeneo. Pode afectar a un, varios ou todos os compoñentes da linguaxe e facelo en distintos graos de severidade. Pode estar afectada a expresión pero tamén a comprensión
  5. É dinámica. Adoitan superarse uns problemas e aparecen outros co tempo.
  6. É complexo. O problema principal etá na linguaxe oral pero a maioría dos nenos presentan problemas noutras áreas do desenvolvemento
  7. É frecuente.A prevalencia é entre o dous e o sete por cento
  8. É invisible. Os TEL poden falar polo que os seus problemas non sempre van a resultar evidentes
  9. É de evolución lenta. Evoluciona favorablemente pero necesita tempo e traballo
  10. É xenético. É un trastorno do neurodesaenvolvemento que se transmite xeneticamente

Conferencia de Marc Monfort en xornadas TEL - Valencia



domingo, 16 de novembro de 2014

Os mestres e as mestras

Nenos, estudantes e profesores móstranche que é ser mestre e os valores que leva consigo a profesión


Pequena homenaxe a todas as mestras e mestres que tanto fan polos nosos fillos e fillas

sábado, 8 de novembro de 2014

A familia e a súa relación coa escola

No blog do meu compañeiro Fran http://franpete.blogspot.com/ vin este interesante post que copio literalmente
A familia constitúe pola súa propia natureza o principal e primeiro núcleo de educación dos fillos. A ela correspóndelle un importante papel educativo aínda que teña que delegar parte das súas tarefas e haxa de compartir a responsabilidade da educación e o crecemento dos fillos con outras institucións, como son os centros educativos.
A sociedade actual esixe dos seus novos membros un tal cúmulo de coñecementos e preparación que dificilmente unha familia é capaz de atendelos só cos seus recursos. É por iso polo que os pais delegan parte das súas funcións educativas na escola, os institutos e a universidade.
Por suposto, tampouco, a escola por se soa pode cubrir todas as necesidades educativas. É absolutamente imprescindible, polo tanto, que entre a familia e a escola haxa un alto grao de comunicación e cooperación nas tarefas educativas.
Nas primeiras etapas educativas a colaboración entre os pais e a escola adoita ser máis alta que en etapas posteriores, se ben isto ten unha clara explicación dada: a maior complexidade dos estudios no instituto, as mesmas esixencias dos fillos, que non se queren ver acompañados polos pais, e, por último, a multiplicidade de profesores que imparten as diferentes materias aos nosos fillos.

Necesidade e importancia da educación familiar.

Razóns de tipo biolóxico, psicolóxico e social, así como de formación da personalidade e o carácter dos fillos xustifican a importancia e a necesidade da función educadora da familia. Pero ademais a familia achega un proxecto vital común onde hai un forte compromiso emocional e unha rede de apoios, que permite á familia aparecer como o mellor lugar para acompañar a persoa na superación dos cambios e dificultades da súa vida.
Os verdadeiros valores humanos e sociais apréndense en familia. Apréndense día a día, minuto a minuto. Os valores do traballo, do esforzo, a capacidade de ser responsables, ... atopan no ambiente familiar o primeiro e máis esencial dos lugares para o seu desenvolvemento.

Que entendo por familia?

Familia é cando un home e unha muller casan e teñen fillos. Esta non é unha definición válida, o que define unha familia non se a súa composición nin os lazos biolóxicos, senón as relacións de afecto e coidado mutuo que se dan no seu seo. É a asociación creada polas leis da natureza.
A necesidade da colaboración familia - centro educativo no proceso educativo.
A difícil tarefa, que a ambos os dous nos atinxe: a educación dos fillos, seranos máis proveitosa e satisfactoria se partimos dunha predisposición á colaboración e apoio mutuo. Esa relación de colaboración que debe existir entre o centro educativo e familia esixe unha forte coordinación, un intenso intercambio de información e apoios continuados.
A participación dos pais no proceso educativo dos seus fillos, ademais de repercutir de forma beneficiosa sobre o neno, ten grandes vantaxes para os propios pais, pois, ademais de facerlles coñecer e comprender mellor ao seu fillo, failles sentirse útiles ante el ao ser capaces de axudalos a afrontar os seus problemas.

Formas de colaborar.
1.-Co titor e por suposto co resto do profesorado. Para
  • Intercambio de información.
  • Seguimento do proceso educativo.
  • Colaboración para a mellora do rendemento.
  • Corrección de malos hábitos de estudio ou aprendizaxes non alcanzadas.
O podemos facer:
  • Realizando visitas periódicas ao titor, ou chamándoo por teléfono.
  • Tomando co titor ou o profesor acordos de traballo a realizar polo alumno e realizando o seu seguimento.
2.-Co traballo na casa para:
  •  Control do horario de estudio diario.
  • Facilitación das condicións desexables de estudio.
  • Seguimento das tarefas de estudio. Revisión dos seus cadernos e da súa axenda.
O podemos facer:
  • Revisando todos os días o seu horario de clase, preguntándolle polo realizado e polo que lle queda por facer.
  • Contactando con frecuencia co profesorado para coñecer as dificultades e necesidades de estudio do fillo.
3.-Coas actividades complementarias para:
  • Facilitación de oportunidades de enriquecemento cultural e formativo.
  • Seguimento e control destas.
O podemos facer:
  • Apuntándoo a asociacións ou clubs (deportivos e culturais).
  • Aproveitando as ocasións de visita a exposicións e actos culturais.
4.-Co resto da familia.
  • Cunha actitude de asesoramento e apoio permanente
  • Responsabilizándoos nas tarefas de casa.
O podemos facer:
  •  Establecendo co alumno un diálogo continuado sobre as súas preocupacións e desexos.
  • Obrigándoo a responsabilizarse de colaborar nalgunha tarefa da casa.