
As habilidades sociais son as condutas necesarias para interactuar e relacionarse cos demais de forma efectiva e mutuamente satisfactoria.
Polo tanto é importante destacar que:
- Trátase de condutas, isto quere dicir que son aspectos observables, medibles e modificables; non é un trazo innato dun suxeito, determinado polo seu código xenético
- Entra en xogo o outro. Non se refiren a habilidades de autonomía persoal como lavar os dentes ou manexar o caixeiro automático, senón a aquelas situacións nas que participan polo menos dúas persoas
- Esta relación co outro é efectiva e mutuamente satisfactoria. A persoa con habilidades sociais defende o que quere e expresa o seu acordo ou desacordo sen xerar malestar na outra persoa.
Pero non só é importante ter habilidades sociais, senón poñelas en práctica na situación axeitada. Esta adecuación das condutas ao contexto é o que se denomina
Competencia social.
Cando a persoa carece de habilidades sociais pode que afronte as situacións de dúas maneiras diferentes:
- Evitando as situacións ou accedendo ás demandas dos demais coa finalidade de non se expoñer a enfrontamentos -conduta pasiva-.
- Elixindo por outros e infrinxindo os dereitos dos demais para obter as súas metas -conduta agresiva-.
As habilidades sociais ou o que tecnicamente se coñece como conduta asertiva consiste
- en pedir o que queres e negarte ao que non queres dun modo axeitado.
- conseguir as túas metas sen danar a outros.
- expresar sentimentos e pensamentos,
- realizar eleccións persoais
- sentirse ben cun mesmo.