sábado, 28 de novembro de 2015

Tartamudez evolutiva

Moi frecuentemente os nenos e nenas entre 2 e 4 anos tatexan e os pais preocúpanse moito. É o que se denomina "tartamudez evolutiva ou fisiolóxica"
Esta tartamudez sucede entre outras causas porque os nenos están en pleno desenvolvemento gramatical e/ou narrativo, e o seu sistema lingüístico se ve "saturado"
A tartamudez evolutiva pode durar días, semanas ou meses, e prolongarse ata os 6-7 anos. Dependerá do neno e/ou do seu ámbito. Segundo expertos como Santacreu e Froján, ata os seis anos non convén facer un tratamento dirixido ao neno, e a intervención vai dirixida aos pais, fundamentalmente para que aprendan a non poñer atención aos momentos en que o neno tatexa.
Aí van algúns consellos para os pais:
  • Non se angustíen pola forma como fala o seu fillo/a.
  • Escoite pacientemente o que o seu fillo lle di e non se fixe en como o di.
  • Deixe que o seu fillo complete a frase, non o interrompa nin remate vostede a frase.
  • Manteña o contacto visual de xeito natural, mentres o seu fillo lle fale. Non lle transmita impaciencia ou nerviosismo.
  • Dispoña de, polo menos, cinco minutos diarios para falar co seu fillo de xeito doado, relaxado e sen présas nin tensións.
  • Non deben completarlle as oracións e/ou adiviñar o que neno quere dicir.
  • Non o apresurar para que remate de falar.
  • Non o interromper mentres fala.
  • Non lle pedir que fale con rapidez e precisión todo o tempo.
  • Non lle falar con ritmo acelerado, especialmente cando se lle dixo que el/ela debe falar máis devagar
  • Non manter na casa un ritmo de vida acelerado.
  • Non lle pedir ao neno que fale forzadamente fronte a amigos, parentes, veciños...
Déixovos este video para que se entenda un pouco a tartamudez, do que se sofre con ela e que o importante non é aprender a falar senon a aprender a escoitar

domingo, 22 de novembro de 2015

Cousas que non lle debemos dicir aos nosos fillos e fillas

Nas reunións de principio de curso os profesores titores explican a importancia da comunicación entre o colexio e a familia e sempre mostran a súa absoluta dispoñibilidade para comunicarse en titorías para poder liquidar os desacordos ou conflitos que haxa e poder así axudar aos nenos e nenas.

Dúas nais amigas que quedan charlando á saída do colexio. Os seus fillos estiveron o fin de semana estudando para un exame que ían ter o luns. Ao saír do cole o luns, os fillos  cóntalle á súas nais que non tiveron o exame. Unha nai, á que lle molestou bastante ter menos tempo libre o fin de semana porque o seu fillo tiña que estudar, non pode conterse e di: “Pero por que non che puxo o exame? Todo o fin de semana estudando para nada! Claro, é que os profes, con tal de non traballar” e o desafogo continúa mentres a outra nai súmase ao carro da indignación e o desprestixio da profesora diante dos seus fillos. As nais chegan a dicir que a profesora é unha vaga, que como falta o respecto ás familias, que fai o que lle dá a gana…

Como sentirán os seus fillos ante estes comentarios?
Aínda que non o exterioricen, eses nenos se sentirán confusos, xa que un pilar da súa educación é desautorizado e desprestixiado por outro dos pilares da súa educación, a súa nai. Ademais as queixas da nai non  axuda nada na educación do seu fillo  xa que  é unha queixa que nada vai cambiar: non vai recuperar o tempo  do fin de semana

Que poderían facer as nais?
            1.-Pedir unha titoría para preguntar por este episodio
            2.- Poderían pensar que polo menos agora o seu fillo entende e sábese a lección, de modo que non pensaría que estudou para nada.
            3.- Gañarían moito se entendesen que a profesora do seu fillo debe ser unha aliada, non unha especie de rival.
            4.- Poderían falar coa profesora sobre a necesidade da familia de contar con tempo libre o fin de semana.
            5.- Poderían contribuír acalmar os ánimos dos seus fillos en lugar de acenderse aínda máis
            6.- Poderían ver o lado positivo dun fin de semana de traballo duro por un exame.
            7.- Poderían poñerse tamén no lugar da profesora en lugar de desprestixiala ou polo menos concederlle o beneficio da dúbida.

“Desprestixiar ou desautorizar ao profesor non axuda en absoluto aos nosos fillos. En ocasións mirámonos, cooperamos, falámonos e coordinámonos. En ocasións poñémonos de costas, non nos miramos, non nos falamos, non nos organizamos. E entón non avanzamos. E os nenos están na auga, esperando que nos poñamos de acordo”