domingo, 3 de maio de 2015

Avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria

No Doga do 30 de abril do 2015 publícase a RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2014/15.

Deixo un pequeno resumo desta Resolución:

  • Esta avaliación realizarase en todos os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia que na data de realización da proba impartan ensinanzas correspondentes a terceiro curso de educación primaria.
  • A avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.
  • Esta avaliación ten carácter informativo e orientador. Completa a información que reciben os alumnos, as familias e os centros e orienta as decisións na elaboración de plans de mellora. En consecuencia debe servir para:
    • 1. Achegar información individualizada de cada alumno ou alumna avaliado sobre o seu progreso no grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática, e contribuír á detección de dificultades na aprendizaxe.
    • 2. Achegar información e orientar os centros educativos para que, en función dos resultados obtidos polo seus alumnos e alumnas, cada centro adopte as medidas necesarias que redunden na mellora do proceso educativo.
    • 3. Achegar información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso de aprendizaxe do alumnado que contribúa a orientar a toma de decisións e o establecemento de medidas encamiñadas á mellora educativa.
  • A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 27 e 28 de maio.
  • O titor ou titora deberá informar os pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas dos resultados da avaliación individualizada de terceiro curso en relación co grao de adquisición das competencias avaliadas e das medidas adoptadas.
  • Os centros educativos, a través dos seus órganos colexiados, realizarán unha análise dos resultados obtidos polo seu alumnado na avaliación individualizada de terceiro curso de primaria e unha reflexión interna para establecer as accións de mellora pertinentes, que serán incorporadas á súa programación xeral anual.
  • De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas. Estas medidas fixaranse en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan solucionar as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.
OPINIÓN PERSOAL
O obxectivo último da avaliación é a mellora do que se avalía, polo que debe ir acompañada dun compromiso coa devandita mellora, se non queremos que se quede nunha mera análise ou en elaboracións de rankings.
Na Educación Primaria a avaliación  ha de ser formativa, diagnóstica, orientadora e continua ao longo do proceso de aprendizaxe, co fin de detectar os progresos e as dificultades, analizar as causas e reconducir os desaxustes.
Esta proba creo que vai ser un mero exame de contidos curriculares e non unha avaliación de competencias é dicir vai ser unha cualificación ou expresión do grao de suficiencia ou insuficiencia dos coñecementos adquiridos polo alumno.
Ademáis a LOMCE concede moita importancia a esta proba e detrimento da avaliación continua e do esforzo que diariamente fai cada alumno e ase  cabe destacar o artigo 20.3 da LOMCE, onde se establece que de resultar desfavorable a avaliación individualizada ao finalizar 3º de Primaria, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas e no seu artigo 20.2 establécese que á hora de repetición ou promoción atenderase especialmente aos resultados da avaliación individualizada ao finalizar o 3º curso.... "
Con todo o dito a adopción de medidas ordinarias ou extraordinarias, a repetición ou non, quedan supeditadas ao resultado dunha proba externa na que non se teñen en conta unha serie de variables que inflúen de forma importante nos resultados.
Esta proba externa, en todo caso, debería ser considerada como información adicional á avaliación realizada polo profesorado do centro -continua e global e que ten en conta o progreso do alumnado no conxunto das áreas do currículo-

Ningún comentario:

Publicar un comentario